ELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA
notas de actualidade
Anaina para Mercedes Sosa
09.10.2009
A primeira vez que oín a Mercedes Sosa cantaba unha anaina: "Duerme, duerme, negrito". Esta bonita canción india, que cantaron tamén Atahualpa Yupanki e Víctor Jara, enviábanma uns amigos epistolares, fillos de emigrados, desde un número alto da Avenida Belgrano, que desapareceron coa ditadura. A anaina sorprendeume pola letra, de palabras apañadas do chan como se resoutan as landras, as noces e as castañas. Eran as palabras dos pobres, as de denunciar explotación e engano. Eran as palabras de empatía cos famentos sufridores, cos indios negros, cos indíxenas, que aínda existen... Así que agradecín, tras de escoitala, que o demo fose branco. Era un bo punto de vista para revisarmos tantas cousas que fixemos mal, cousas de antes e cousas de agora. Tamén era moi bonita aquela música executada coa sinxeleza dunha guitarra, un bombo crioulo e unha voz de cristal groso e transparente, voz, que, como a de Frank Sinatra, unha vez oída non se esquece endexamais. A maiores, a de Mercedes era unha voz que se erguía ao servizo da ética, a voz que non dubidou en abandonar os partidismos políticos porque, igual que os paxaros, necesitaba liberdade para poder cantar. Dimo así Cati Castaño, unha moi boa poeta bonaerense, esta si amiga de presenza, neta de galegos emigrados tamén que vén de cando en vez buscando as súas raigames. "
Comparto con vostedes unha anaina para Mercedes Sosa de Jorge Drexler, o cantautor uruguaio, que garda paralelismo coa que me conmoveu aquel xa afastado día de principios dos setenta: "Duerme, duerme, Negrita,/que tu voz está en el campo,/ en la ciudad, en el canto/ rodado de aquel arroyo,/ en la almohada en la que apoyo/ mi cabeza desvelada,/ en mi vaso, en la enramada/ y en las radios de los coches./ Tu voz la guarda la noche/ muy, pero muy bien guardada". Que durma e descanse en paz.
Fuente:
No hay comentarios:
Publicar un comentario